O trimestre que acabamos de pasar deixa á comunidade educativa intranquila e dubidosa ante os cambios que marca o novo goberno de Madrid. Aínda que estes cambios afectan ao Ensino Secundario e Bacharelato, en EducLugo queremos facernos eco destas importantes novidades, xa que marcarán o futuro dos nenos que actualmente están a cursar a Primaria. Os cambios nos ciclos e o bilingüismo (ou trilingüismo, no caso galego) non ofreceron unha resposta negativa e foron acollidos máis ben con reserva á espera de se serán beneficiosos ou perxudiciais. Nós non queremos facer unha pronunciación ao respecto, xa que a nosa intención, coma sempre, é que cheguen a todos para que sepamos o que traerá este cambio.
O que resulta un pouco máis preocupante é o espazo que reservamos neste número ao abuso da tecnoloxía por parte dos nosos rapaces. O abuso de Intenet, das redes sociais ou do móbil e o ordenador poden causar trastornos que repercuten no rendemento escolar. É unha parte da vida dos nosos fillos que non podemos deixar de analizar e, sobre todo, de coidar.
Ademais, ofrecemos un abano das novidades que se produxeron nas escolas luguesas e das que se avecinan. Esperamos, como sempre, que gocen da súa lectura.


