Ampliado o prazo de presentación de traballos para o Certame Trapero Pardo

A Concellería de Educación informou de que o prazo de presentación dos traballos ao 23º Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo amplíase ata o vindeiro 8 de xaneiro. O concurso está dirixido a todos os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos de calquera centro educativo non universitario da provincia de Lugo.

Os traballos presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara, na área de Educación, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, ou no Rexistro Xeral do Concello, indicando no sobre: “23º Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo” e a categoría na que participa, de 12 a 14 anos ou de 15 a 18 anos. Noutro sobre, pechado e baixo o mesmo lema, indicarase o nome, enderezo, idade, teléfono e centro onde estuda o participante. Os contos deberán ser traballos inéditos, escritos en lingua galega e de temática libre. A extensión non pode ser superior a dez páxinas.

Os participantes, que poderán presentar un máximo de tres traballos, dos que só un poderá ser premiado, optarán a premios que ascenden a 200, 100 e 70 euros na categoría de 12 a 14 anos, e a 250, 130 e 100 euros para os de 15 a 18 anos.
O xurado estará integrado por diversas persoas que desenvolven o seu labor no campo da cultura e da educación. Os contos premiados quedarán a disposición do Concello, que poderá publicalos ou facer o uso deles que estime conveniente.

Etiquetas: ,

Deixe un comentario