Carmen Díaz Simón, coordinadora do programa ‘Vivir xuntos, Convivir’: “O próximo ano pretendemos elaborar un plan de convivencia municipal”

Alumnos de todos os centros de Ensino Secundario de Lugo participan actualmente no programa ‘Vivir xuntos, Convivir’, un ha proposta do Concello de Lugo para ofrecer á comunidade educativa unha serie de recursos orientados á mellora da convivencia. O programa pretende formar e adestrar aos participantes na mediación  non violenta de conflitos para conseguir unha mellora da convivencia en todos os ámbitos da sociedade. Desde 2008 o programa, que naceu a iniciativa de Nova Escola Galega, está a cargo de Carmen Simón, orientadora no Lucus Augusti.
O programa Convivir está a ter unha gran repercusión no mundo educativo lugués.
Estamos moi satisfeitos dos resultados que advertimos, sobre todo nos rapaces que participan no programa e tamén nos profesores, que acuden ás nosas actividades desde distintas partes de Galicia e de comunidades próximas. O programa leva unha andaina que nos permitiu recoñecementos e empezar a extendernos en actividades, non tan formalizadas, de cara aos máis pequenos.
Qué actividades se fixeron este ano?
Comezamos o ano cun obradoiro de Teatro do oprimido dirixido tanto a profesores como alumnado. Novembro foi o mes da III Xuntanza do alumnado mediador, na que participaron 60 alumnos de 10 centros.  Tamén fixemos un curso de ‘Emocións, Mediacións e Plan de Convivencia’ para profesorado, e participamos no III Encontro de Centros con servicios de mediación que se celebrou en Fisterra. A esto hai que engadir unha charla con familias sobre relacións cos seus fillos. A participación foi moi boa e de feito comezamos a extender as nosas actividades tamén entre os pequenos creando rincóns boca-orella para debater os problemas nas aulas.
Que tipo de participación ten?
O número de participantes vai cambiando cada ano pero somos arredor de 30 rapaces e 30 profesores e xa estamos en todos os institutos de Lugo, co cal podemos darnos por moi satisfeitos. Ademais, temos outro grupos de rapaces que están dentro do programa en actividades non tan formais, axudando á integración de alumnos que veñen de fóra; ou en actuacións como a que incentiva a denuncia do maltrato escolar. Hai que aclarar que tanto profesores como alumnos participamos neste programa fóra do horario escolar, co que debemos agradecer este esforzo. Non estaría de máis un pouco de apoio económico.
Que proxectos hai para o próximo curso?
Para o próximo ano queremos centrarnos na educación emocional de forma intensa, xa que é unha gran carencia da nosa sociedade actual. Pero, o proxecto máis importante que temos é a dinamización do Consello Escolar para elaborar un plan de convivencia municipal. Xa estamos traballando tamén na celebración dunhas xornadas no 2013 e nas participarán todos os axentes da mediación.

OS CENTROS LUGUESES
Para Camen, Lugo non é un exemplo de conflitividade. A principal problemática nos centros luegueses é o absentismo, do que hai poucos casos, aínda que non están controlados. A falla de comunicación entre eles é tamén un problema que non está a xerar casos graves de violencia, afortunadamente. A deixadez nos estudos e a rebeldía completan a lista de problemas. Como explica Carmen, situacións como estas, mal manexadas, levan ao tonteo coas drogas e a cuestións máis delicadas que si debemos atallar e vixiar.

Etiquetas: ,

Deixe un comentario