Comeza un novo curso escolar

O novo curso escolar do alumnado de Educación Infantil, Primaria e Especial iniciouse con normalidade para os 20.193 nenos e nenas que hoxe se incorporaron ás aulas na provincia de Lugo.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen avanzou que neste ano hai matriculados 6.392 alumnos en infantil, 13.688 en primaria e 113 en educación especial, unhas cifras na liña das rexistradas no curso anterior.

Pola súa banda, o venres, día 15, comezará o curso para os estudantes de secundaria e bacharelato.

Transporte escolar compartido

En total 121 centros educativos iniciaron a xornada lectiva no día de hoxe, e nos que de xeito complementario á propia actividade escolar tamén comezan a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola administración autonómica

A principal novidade no ámbito do transporte ten que ver coa posta en marcha da modalidade de uso compartido, implantada 81 rutas escolares da provincia, que manterán intactas as paradas, os percorridos e verán respectados os horarios do alumnado.

O delegado territorial salientou que os 1.190 escolares lucenses que empregaron a modalidade de transporte escolar compartido (un 12% dos 8.798 escolares con dereito a transporte público) teñen blindada a atención das súas necesidades de mobilidade e, mesmo, viron mellorado o servizo ao ter acompañante garantido en todas as rutas de transporte. Á súa vez, esta modalidade favorecerá a mobilidade dos veciños do rural.

Máis idiomas e tecnoloxías

Balseiro tamén explicou que o Goberno galego traballa con intensidade co obxecto de prestar unha educación pública cada vez máis completa e competitiva e que, este compromiso se traduce nun curso con máis idiomas, máis tecnoloxía nas aulas e máis profesores por alumnos.

De feito unha das principais novidades é a extensión aos cursos de educación infantil do programa de plurilingüísimo, polo que un terzo do horario lectivo impártese nunha lingua estranxeira. Será no CEIP Concepción López Rey de Baleira, o CEIP de Lousada en Guntín, o CEIP da Pontenova, o CEIP Vista Alegre de Burela e os colexios concertados Martinez Otero e Nuestra Señora del Pilar de Foz e a Fundación Educativa Torre de Lemos. Tamén o CEIP do Vicedo contará cunha sección bilingüe, en inglés, para ma materia de educación artística en 1º de primaria.

Outra das novidades é o reforzo do uso das novas tecnoloxías. Cinco novos centros incorporarán o libro dixital, nos niveis de 5º e 6º de Primaria. En concreto, o CEIP Virxe do Carme de Burela, o CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei, o CEIP Vista Alegre de Burela, o CEIP Xoán Requeixo de Chantada e o CEIP Monforte.

Visita ao colexio de Meira

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, optou por participar no arranque do curso escolar no CEIP de Meira, un colexio con 156 alumnos matriculados. Foi un dos centros da provincia beneficiados polo plan de reparación, ampliación e mellora (RAM), en concreto, investíronse 52.751 euros no arranxo da cociña e do peche perimetral. No conxunto da provincia este programa permitiu impulsar reformas en 65 centros educativos lucenses cun investimento de máis de 2 millóns de euros.

Durante a súa visita o representante na provincia do Executivo galego estivo acompañado pola directora do centro, entre outros membros do persoal docente, e o alcalde da localidade, Antonio de Dios, aproveitou a ocasión para inspeccionar os resultado dos traballos que, como acontece en todas as obras de certa envergadura, realizáronse durante o verán para non interferir na normal actividade docente.

Deixe un comentario