Informe Pisa: Os galegos aproban lectura e ciencias e suspenden en matemáticas

matematicas-en-pizara

As matemáticas tiveron sempre a fama de ser a asignatura tortura en todos os niveis do ensino, e iso tanto para lugueses, galegos, españois ou europeos. Iso parece que non cambia, pero o que quedou claro no último informe Pisa é que o rendemento dos alumnos galegos de 15 anos supera a media da OCDE en ciencias e comprensión lectora, pero non en matemáticas, onde Galicia se sitúa entre os últimos postos do escalafón das comunidades autónomas.

Sen embargo, esa media non é superada polo conxunto do Estado en calquera dos tres eixos que avalan aos nosos estudantes.

Este dato foi valorado positivamente pola Xunta de Galicia, que destacou como relevante outro rasgo importante, que o Pisa analiza tamén o impacto do Índice social, económico e cultural (ESCS) no grao de adquisición de destrezas e coñecementos do alumnado de 15 anos, o que ofrece unha medida da equidade dos sistemas educativos. Neste xeito, din que Galicia é a comunidade autónoma que ten un sistema educativo máis equitativo, por diante ademais de todos os países da OCDE, agás México.

Pero volvamos aos coñecementos dos nosos adolescentes. Se comparamos aos alumnos galegos co resto de España temos que en Ciencias ocupa o quinto lugar entre as catorce comunidades e en competencia lectora está sexta. En matemáticas ocupa a décima posición. En retrospectiva, a lectura é a disciplina na que se mellora considerablemente de forma histórica mentres que en matemáticas imos de mal en peor.

Tras unha análise máis detallada e tendo a competencia matemática tan baixa, a Xunta afirma que se deseñarán unha serie de medidas para poñer en marcha de cara a mellorar neste ránking. A primeira medida anunciada será a de poñer en marcha iniciativas como o Plan Lía, que xa fixera un bo traballo impulsando a lectura. E é que os alumnos teñen pavor ás matemáticas e os análises indican que o 80% sinte ansiedade por esta materia chegando ate o estrés no 68% dos casos.

Outros datos

O Informe Pisa aporta outros datos engadidos que non deixan a ninguén indiferente. Se está claro que España vai de mal en peor en coñecementos si é certo tamén que mantense a igualdade nesa mediocridade. Do mesmo xeito, os resultados non son mellores en centros concertados e privados. O que desvela o informe tamén é que é mellor subvencionar ao alumno con problemas económicos que non financiar globalmente aos centros.

Deixe un comentario