Mario Outeiro, responsable da Área de Cultura da Deputación Provincial: “O galego é o nexo de unión de todas as nosas actividades”

marioouteiroA área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, que dirixe Mario Outeiro desde 2011, reserva unha importante parte do seu orzamento a actividades nas que podan participar os nenos. Aparte das propias de pequenos, esta área prima a celebración daquelas actividades para públicos familiares. En todas elas o uso do galego e o carácter educativo das propostas son os eixes da programación anual.

-O galego é requisito indispensable na realización destas actividades?
A transversalidade do idioma é o nexo de unión de todas as actividades que organizamos desde a Área de Cultura. Isto é así porque detectamos que o uso do galego está en retroceso no sistema educativo e nos distintos niveis formativos dos pequenos. Esto é debido á castelanización do audiovisual e do internet polo que as entradas do galego na vida dos nenos son cada vez máis escasas. Cremos que esta situación, sumado ao último decreto do plurilingüismo, converten aos nosos nenos en monolingües porque non teñen a oportunidade de dominar o idioma. Esa é a razón pola que para nós é imprescindible o uso do galego, como unha faceta máis da educación.

-Os nenos contan cunha ampla gama de actividades dentro da programación de Cultura?
Cos nenos traballamos en dúas vertentes que moitas veces se complementan, por unha parte organizamos actividades que teñen lugar nos colexios, e por outra para o público en xeral. Moitas veces as programacións contan coas dúas opcións. Para o tema dos escolares, firmamos un acordo formal este ano coa Fapacel, a asociación de Anpas, que ven a facer oficial os últimos anos de colaboración. O obxectivo é programar actividades tanto para pais como para os rapaces. Realizamos distintos traballos nos coles como os obradoiros de animación á lectura, en colaboración con OQO. Xa para Secundaria desenvolvimos este ano un programa para achegarlles aos rapaces o mundo da lusofonía. Tamén, xunto coa ASPG, celebramos en outono a  tradicional Semana do Libro.

-E para as familias?
Moitas son as actividades culturais que desenvolvemos dirixidas ás familias durante todo o ano. Nelas non só todo é educativo, xa que temos tamén o Xuvenlugo. que é totalmente lúdico, pero que si ten unha función engadida importante que é axudar na conciliación da vida laboral e familiar nas vacacións escolares.  Neste grupo de actividades familiares incluiríamos os Mércores Miúdos, o Nadal Cultural o Maio de Lingua, etc… Tamén contamos nos museos cunha importantísima e variada programació cultural na que os nenos sempre son os protagonistas.

-Que previsión hai na programación cultural da Deputación para o próximo ano?
O noso obxectivo é seguir traballando na mesma liña e non temos previsto recortar ningunha actividade, aí como non descartamos calquera outra que se nos presente e que cumpra os obxectivos básicos. Esto é así porque estamos vendo que naquelo que organizamos contamos sempre cunha abrumante afluencia de público.

-A programación é igual para toda a provincia?
A programación é a mesma pero si é certo que facemos un especial fincapé fóra das cidades, xa que teñen menos posiblidades de acceder a unha programación cultural variada.

Biografía

Mario Outeiro Iglesias naceu no Corgo no 1978, está casado e ten dous fillos. Estudou Enxeñaría Técnica Industrial e Enxeñaría Química na USC. É Profesor de Ensino Secundario de Tecnoloxía. Foi membro de varias entidades culturais, deportivas e educativas. Actualmente exerce de voceiro do BNG no concello do Corgo e na Deputación Provincial dirixindo a área de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico do ente provincial.

Deixe un comentario