Novo curso

Preto de 8.000 nenos de Primaria e Infantil volveron ás aulas, nun curso marcado pola implantación da Lomce

Tres coles de Lugo optaron polo libro electrónico en 5º

100914-Inicio-do-curso-escolar-(1)Preto de 20.000 alumnos dos ciclos de Educación Infantil e Primaria incorporáronse a pasada semana aos centros educativos da provincia de Lugo, un curso que comeza xa marcado polo avance do plurilingüismo e das novas tecnoloxías nas aulas, coa incorporación do libro dixital e a aplicación da nova lei educativa en Primaria.

En total, volveron ás aulas, con menos incidencias das previstas 6.506 alumnos de Infantil e 13.443 alumnos de Primaria de toda a provincia. No concello de Lugo, foron 2.590 os nenos de Infantil que comezaron as súas clases, o mesmo que 5.197 en Primaria. Para un grupo importante deles, o curso xa comenzou cunha importante novidade, a substitución do manual de texto tradicional polo libro electrónico. Son once os centros da provincia que apostaron no seu 5º curso pola tecnoloxía, tres deles situados en Lugo: Rosalía de Castro, Menéndez Pelayo e A Ponte.

No apartado do pluriligüismo, este ano créanse 28 seccións bilingües en diversos centros e hai seis colexios que se suman á lista de centros plurilingües existentes na provincia, o que beneficia a preto de 4.700 alumnas e alumnos de toda as etapas educativas. Na cidade, o centro Divina Pastora convértese este ano en plurilingüe e outros dez contan xa coa súa sección de inglés.

Alumnado

Segundo a Xunta de Galicia, o nivel de matrícula e o número de profesores reflicten datos que apenas varían con respecto ao ano pasado, e mantéñense igualmente o número de centros e de unidades, aínda que se redistribúen en función do alumnado. Os centros públicos da cidade perderon 88 alumnos en Infantil con respecto ao ano pasado mentres que gañaron 136 en Primaria. A matrícula mantívose nos centros concertados pero gañaron alumnos algúns dos públicos, como é o caso do Casás, Albeiros e Illa Verde.

O descenso do número de alumnos en Infantil ven condicionado por un descenso xenérico producido por unha baixada da natalidade nunha tasa xenérica dun 4%.
Onde se notou máis a baixada e o recorte foi no rural, onde pecharon este curso 6 escolas unitarias en Galicia

Libros

No tocante aos libros, ao final, a maior parte dos centros comezou o curso sen cambiar os libros de texto adaptados á Lomce. A crise e a negativa dos pais tivo moito peso na decisión final.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, que continuou co seu programa de axudas, impuxo a norma de que os libros que se compren coa subvención deberán ser devoltos para formar parte dun banco de libros.

escolademusicaEscola Municipal de Música

O Alcalde, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, visitou a Escola Municipal de Música con motivo do comezo do curso 2014-2015.

A Escola Municipal de Música comeza o novo curso cun total de 791 matriculas formalizadas nas distintas materias que se imparten neste centro dependente do Concello que ten as súas aulas no primeiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. Nela estudan tanto nenos e nenas como adultos.

A Escola Municipal de Música imparte materias como linguaxe muxical, música e movemento ou técnicas de respiración, entre outras, e tamén se ofrecen ensinanzas dos seguintes intrumentos: frauta traveseira, clarinete, saxofón, fagote, trompa, trompeta, trombón, tuba-bombardino, percusión, gaita e pito pastoril galego.

Novidades do curso escolar

O curso arrinca este ano con importantes novidades debidas á Lomce. A implantación realizarase exclusivamente en 1º, 3º e 5º de Primaria, ademais da nova Formación Profesional Básica. A posta en marcha do curso desta nova lei suporá algúns cambios sobre o que estamos acostumados:

• Os alumnos de 3º de Primaria realizarán a primeira das avaliacións a nivel nacional que establece a lei, que, neste caso, ten como obxectivo a detección precoz das dificultades de aprendizaxe no ecuador da etapa.
• Aumentan as unidades didácticas en Matemáticas, Lingua e Inglés, o que provocou a iniciativa de cambiar os libros de texto, medida que non se tomou finalmente pola crise.
• A asignatura de Valores Cívicos é agora a alternativa a Relixión.
• Coñecemento do Medio divídese en dúas materias: Ciencias Sociais e Ciencias Naturais, que no futuro implicarán dous manuais de texto diferentes. A carga lectiva das dúas é a mesma que actualmente ten Coñecemento do Medio, aínda que agora serán 4 horas en 5º e 5 en 6º.
• A hora que perde Coñecemento do Medio á semana en relación ao plan que había pasa a ser ocupada por Matemáticas, que terá unha hora máis á semana.
• As materias divídense en tres bloques: troncais (Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais, Matemáticas, Lingua Castelá e Primeira Lingua Estranxeira), as específicas (Relixión ou Valores Cívicos e Educación Física, ademais de Educación Artística e Segunda Lingua Estranxeira), e as de libre configuración autonómica (lingua cooficial, co mesmo tratamento que o castelán).
• A avaliación será continua e global con reforzos cando os alumnos o necesiten. O alumno poderá repetir unha única vez durante a etapa cun plan de reforzo.
• Cada centro decidirá de forma independente sobre as tarefas extraescolares.

Alumnado inmigrante
Nos últimos seis anos, o alumnado de Infantil e Primaria sen nacionalidade española descendeu un 36 %. Se no curso 2008-2009 poboaron as aulas 7.611 pequenos foráneos, este curso serán 4.895, segundo as estimacións provisionais da Consellería de Educación. A caída é máis elevada en infantil, pero as dúas etapas experimentaron un comportamento parecido. A matrícula da poboación inmigrante subiu de forma exponencial desde o 2001 -ese curso había menos de dous mil escolares-, ata alcanzar a os 7.611 alumnos no 2008. Desde entón a baixada foi constante, debida á crise, que fixo que moitas familias volveran aos seus países de orixe.

Espírito emprendedor
A Consellería de Educación estenderá o vindeiro curso a toda Galicia o programa ‘Atrévete’, que se desenvolve en 6º de Primaria e 2º de ESO e que ten como obxectivo fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado no espírito emprendedor. Os estudantes desenvolverán actividades nos Centros Integrados de Formación Profesional nas que terán a oportunidade de achegarse ás experiencias emprendedoras da súa comarca da man de empresarios da zona.

Taxa de abandono escolar
O abandono educativo temperá rexistrou unha baixada porcentual do 1,1 por cento no primeiro semestre deste ano en comparación ao mesmo periodo de 2013, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). A porcentaxe media de abandono foi do 18,8 por cento fronte ao 19,9 por cento do ano anterior. As cifras apuntan unha baixada paulatina da taxa desde 2009, ano no que se situou no 25,8 por cento, ata o 18,8 por cento de media no que levamos de 2014.

Uso do galego
A Mesa pola Noramlización Lingüística afirma que o galego emprégase de xeito maioritario no ensino público só no 2,4% dos centros de educación infantil nas sete cidades da comunidade, mentres que o 4,15% usa este idioma na metade das horas lectivas. Pola contra, o castelán úsase de forma maioritaria no 94,4% das escolas públicas e privadas de Galicia.

Pasaporte para os menores
Desde xullo, a expedición do pasaporte ou de calquera autorización de viaxe para menores de idade require o consentimento expreso de ambos proxenitores. A autorización debe efectuarse por cada un dos representantes (xuntos ou por separado) ante o órgano competente para a expedición, ben nas oficinas da Dirección Xeral da Policía ou ante un notario.

Alumnos superdotados
Segundo os datos que manexa a Xunta de Galicia, na Comunidade Autónoma hai 625 casos de nenos superdotados, aos que se suman un total de 431 talentosos, é dicir, que destacan só nun ámbito e non en todos. Esto supón que os nosos alumnos de altas capacidades supoñen un 0,3% dos escolares galegos. En Lugo, foron detectados 25 alumnos superdotados e 16 talentosos.

Comezo do curso 2014/15

Federación  Provincial de Apas de Lugo:

A FAPACEL quere darvos a toda a comunidade educativa (nais/pais, alumn@s e docentes……) a benvida a este novo curso escolar 2014-2015.

Un curso escolar que en Primaria esta marcado pola implantación dunha nova lei, a LOMCE, unha Lei que se está a implantar de forma chapuceira e ás presas. Unha lei que a súa implantación está a traer aos docentes de cabeza para porse ao día e cumprir co que a lei lles obriga.

Como, evidentemente, estamos en contra desta chapuza de lei e desta chapuza de implantación, a FAPACEL seguirá durante todo o curso a levar a cabo accións reinvidicativas pedindo a retirada deste despropósito.

Ademais, esta Federación ten previsto para o longo do curso unha serie de actividades das que vos iremos dando conta máis detalladamente segundo se acerquen as datas.

Podemos adiantarvos que este curso teremos actividades para o fomento da lectura, para conseguir unha maior implicación de nais/pais dentro dos centros escolares, talleres e charlas para poder guiar os nos@s fill@s nos hábitos de estudo, cursos e charlas sobre dinamización e xestión de ANPAS, diversos concursos para que participen @s nen@s, roteiros…

Empezaremos coas actividades o vindeiro día 25 de setembro coa presentación do libro: La “Teletabi”: ¿Pantalla amiga o enemiga? De Jesús Valiño Pérez, que terá lugar ás 19 horas na librería A Carrilana. Libro que nos fala sobre a influencia das “maquinitas” no comportamento dos nos@s fill@s.

A Xunta Directiva da FAPACEL desexavos un BO CURSO 2014-2015

Deixe un comentario