O Concello pon en marcha Apego, para a difusión do galego

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este xoves a posta en marcha no concello de Lugo do programa Apego, unha iniciativa coa que o Goberno cumpre un acordo unánime do Pleno e que ten como obxectivo “incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual”, subliñou a edil, quen recalcou que a lingua “forma parte da nosa identidade, é un legado colectivo, único, e temos a responsabilidade de mantelo e transmitilo”.

A necesidade de proxectos de dinamización lingüística coma este queda demostrada nos datos de utilización da lingua galega, que, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), indican que só un 13% dos rapaces e rapazas de entre 5 e 14 anos no conxunto de Galicia e un 24% na provincia lucense falan sempre galego, mentres que, entre os maiores de 65 anos, a porcentaxe supera o 52% na comunidade autónoma e o 60% en Lugo. Isto reflicte a perda da transmisión interxeracional do galego, precisamente o que o proxecto Apega quere reactivar.

Para iso, este programa, dirixido a nenos de entre 0 e 6 anos, ofrece unha caixa de benvida con agasallos a aquelas familias que se suman, ademais de información, formación, apoio e actividades socioculturais. Tal e como explicou a Concelleira de Cultura, o proxecto Apego tivo unha fase inicial o pasado verán a través do programa Ágora Cultural, organizado en colaboración coa Deputación, que incluíu actuacións como as de Mamá Cabra, Pablo Díaz e a Banda Tic, Tac, Toc ou Mircromina Títeres. Posteriormente, organizáronse actividades no marco do San Froilán Miúdo e agora, coa iniciativa xa plenamente activada, ofreceranse durante este mes e o de novembro actividades de animación á lectura e contacontos na Biblioteca Municipal. As datas e actuacións son os seguintes:

  • 24 de outubro -O Día das Bibliotecas-: Maruxiña e a Busca da palabra no tempo, por Intres Teatro.
  • 9 de novembro: Cociñando Música, por O Capitán Garfo.
  • 16 de novembro: O Ratiño presumido, por Trinke Trinke Teatro.
  • 23 de novembro: Vacacións no mar, por Mircromina Teatro de Títeres.

As catro serán ás 18:30 horas.

As persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade do Apego, pola vida e pola lingua, poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello, á web municipal (www.lugo.gal), a www.apego.gal ou a www.facebook.com/apego.gal A partir desta adhesión, recibirán periodicamente información e propostas par que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades.

 

A día de hoxe, están adheridos ao programa Apego 30 concellos, entre eles, os das sete grandes cidades galegas.

Etiquetas:

Deixe un comentario