O Concello presta instrumentos aos alumnos da Escola de Música

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e o Director da Escola Municipal de Música, Carlos Méndez, entregaron este luns os primeiros 13 instrumentos aos alumnos e alumnas beneficiarias de acordo ás bases do Banco Municipal de Instrumentos, posto en marcha polo Goberno Municipal. Con esta iniciativa búscase facilitar a aqueles nenos e nenas que teñen poucos recursos a posibilidade de tocar o instrumentos que a eles máis lles guste así como posibilitar a iniciación a un instrumento, sobre todo nos momentos nos que afrontar un gasto inicial para as familias é unha dúbida ao non ter a certeza de que o rapaz ou rapaza toque finalmente o instrumento.

Os instrumentos que se entregaron hoxe foron: un saxofón, dúas trompetas, un trombón, catro clarinetes, dous bombardinos, unha tuba, un fagot e unha frauta. O préstamo, que se fai en base á renda familiar, será por un curso académico, ata xuño, aínda que poderá renovarse en cada exercizo lectivo. Con este Banco de Instrumentos, o Goberno opta a que a práctica da música chegue a todo o municipio, e con elo se converta en vehículo integrador a través da escola municipal de música, que cada ano conta cunha maior demanda, tendo neste curso 900 alumnos e alumnas, 200 máis que o curso pasado.

Este Banco de Instrumentos é un dos poucos asociados a unha Escola de Música de Galicia. Os instrumentos que se ofertan iranse ampliando paulatinamente. Acepta tamén doazóns de particultares, empresas ou entidades públicas

 

Etiquetas:

Deixe un comentario