O legado educativo do Crego da bicicleta

presescolarA Fundación Preescolar na Casa tivo sempre como misión difundir a cultura na infancia e reforzar a competencia educativa familiar promovendo espazos educativos nos que se acompaña á familia na aventura de crecer e no desafío de educar. Gracias á loita das familias do rural galego e á colaboración da Deputación esta misión seguirá viva de novo.

A institución provincial vén de asinar un convenio de colaboración con dito colectivo, por valor de 15.000 euros, de cara a sufragar gastos de funcionamento, que farán posible a posta en marcha  de novo desta asociación, despois do peche que sufriu pola falta de recursos económicos que lle negou a Xunta de Galicia cando comezaron os recortes no rural.

Así, a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy,  herdeira da Fundación Preescolar na Casa, integrada polos seus antigos traballadores, seguirá ofrecendo programas de intervención educativa encamiñados a unha parentalidade positiva, defendendo a mesma filosofía educativa que o proxecto pioneiro en Europa, que naceu en Lugo en 1977 da man do coñecido Crego da bicicleta.

Desenvolverá actividades como a proposta Espazos das familias, que constitúe un lugar e un tempo de encontro para a formación de nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos, no que se deseñan actividades dirixidas a reforzar as competencias parentais, así como a dar resposta ás diferentes necesidades das nenas e dos nenos.

En definitiva, a asociación trata de ofrecer espazos educativos para que as familias intercambien experiencias e inquietudes relacionadas coa crianza dos seus fillos. Ademais, quere dar a coñecer a importancia da implicación do sistema non só nos pais e nais galegos senón en toda a comunidade para a consecución dunha sociedade mellor, máis xusta, solidaria e tolerante.

O papel deste colectivo está en defender e reivindicar a importancia educativa da familia nos primeiros anos, ademais de manter un compromiso firme coa lingua, a cultura, a contorna e o saber propios como bens imprescidibles para o desenvolvemento da persoa, como destacaba Mario Outeiro, o delegado de Cultura, na súa visita ás instalacións.

O reestablecemento da Asociación fará que ademáis de asesorar ás familias coas que contan na actualidade, a partir de setembro comenzarán a traballar con grupos en Monforte, Castroverde e Baralla, xunto cos grupos que teñen nos concellos coruñeses de Aranga, Ordes, Frades, Mesía e Curtis. A asociación destaca a gran resposta das familias e a colaboración dos concellos xunto coa Deputación de Lugo. Ademais, o sindicato educativo STEG vén de cederlles o 0,7% solidario do seu orzamento sindical correspondente ao pasado ano 2013.

Etiquetas: ,

Deixe un comentario