Premios extraordinarios da ESO para catro alumnos de Lugo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder a 20 alumnas e alumnos galegos os Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ao rendemento académico correspondentes ao curso 2016/17. Estes galardóns supoñen o recoñecemento do esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, a educación secundaria obrigatoria no sistema educativo galego.

Un total de catro alumnos lucenses recibiron este galardón, en concreto Manuel Francisco Lamela Gómez, do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba); Alejandra López Sánchez, do CPR Plurilingüe Divina Pastora (Lugo); Sofía Santos Ulloa, do IES Lucus Augusti (Lugo); e Andrés Vázquez García, do IES Lama das Quendas (Chantada).

Cualificación superior a 9 puntos

Todos os premiados obtiveron unha medida das cualificacións en todas as materias dos catro cursos de ESO igual ou superior a 9, e deles, o 30 por cento obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10, o 45 por cento entre 9,50 e 9,75 e o 25 por cento entre 9,25 e 9,50.

Así mesmo lograron as mellores cualificacións na proba realizada para optar a ditos premios, que estaba estruturada en dúas partes. Unha primeira relacionada coas materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira; e unha segunda sobre xeografía e historia, matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas e unha materia a escoller entre bioloxía e xeoloxía, economía, física e química, e latín.

Cada premio está dotado cunha contía de 750 € e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.

 

Etiquetas:

Deixe un comentario