Preparando xa o novo curso

libros-escolaresO curso 2015/16 dará comezo o 10 de setembro e terá 2 días máis lectivos
Pecha con polémica a escolarización de tres anos

Cando aínda faltan algúns días para rematar o curso escolar que estamos a vivir, xa están as bases sentadas do que será o próximo ano escolar e que conlevará poucos cambios con respecto ao actual.  Polo de pronto, as clases en educación infantil e primaria comezarán o 10 de setembro e na ESO faranno o día 15. O periodo lectivo finalizará para todas as etapas o 21 de xuño.

O calendario escolar é igual ao do curso pasado coa única diferenza de que as clases terminarán dous días máis tarde. Este curso rematará 19 de xuño, en lugar do 21, porque coincide venres.

O calendario previsto volve levantar protestas xa que a CIG non está conforme con esta preisión e reclama un equilibrio na división dos trimestres, que actualmente están condicionados polas festas relixiosas.

Ademais o Nadal irá do 21 de decembro de 2015 ata o día 6 de xaneiro de 2016, ambos inclusive; o entroido celebrarase os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2016; e a Semana Santa abranguerá desde o día 21 ata o 28 de marzo de 2016, ambos inclusive. A CIG propuxo que o día 24 de febreiro se conmemore o Día de Rosalía de Castro e que se instaure a xornada reducida en xuño e setembro. Na súa opinión, as clases deberían terminar o 17 de xuño, en lugar do 21.

A escaseza de prazas na zona sur provocou protestas dos pais que solicitaban escolarizar aos seus fillos nas súas zonas de residencia. Tras varios días de negociacións, a Consellería de Educación escolarizou a todos os nenos e nenas de tres anos da zona sur nos colexios da súa área de influenza, onde neste curso se habilitou unha nova unidade con 25 prazas no CEIP As Mercedes.

Os nenos que quedaron fóra dos coles solicitados foron repartidos por Illa Verde, As Mercedes, Rosalía de Castro, María Auxiliadora e a Escola de Educación Infantil de Fingoi.

Preto do 94% do alumnado de tres anos xa fora admitido nos colexios seleccionados polos pais como primeira opción. En total, a Consellería ofertou 939 prazas para nenos e nenas de tres anos nos centros da capital. Finalizado o período de solicitudes, 878 accederon ao centro de primeira elección.

Os 61 expedientes restantes foron resoltos na última comisión de escolarización, na Delegación Territorial para proceder á reasignación das prazas vacantes.

Este curso convivirán bancos de libros e cheques

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria combinará no própximo curso as axudas á adquisición de libros de texto co funcionamento do novo fondo solidario de libros. Ao primeiro acolleranse as familias con nenos en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria e educación especial. No segundo caso estarán o resto, 3º e 5º de educación primaria e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria.

Convocatoria de axudas
No vindeiro curso 2015/2016 as axudas á adquisición de libros dirixiranse ás familias do alumnado matriculado en 1º e 2º de educación primaria –cursos nos que as características do seu uso limita ou exclúe a súa reutilización-, 4º e 6º de primaria e de 1º e 3º de ESO, vinculado, neste caso, ao calendario de implantación da LOMCE. A normativa pode consultarse no DOG.

As contías das axudas, así como os tramos de renda mantéñense invariables respecto do curso 2014/2015. Así mesmo, mantense que o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar. Neste mesmo sentido, os menores que se atopen en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirán a axuda máxima correspondente ao ensino e curso en que estean matriculados, e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Para o resto dos casos, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes:
Educación Primaria:

o Familias monoparentais:
• Renda per cápita familiar ata 6.000,00 euros: 170 euros
• Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros

o Resto das familias:
• Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 170 euros
• Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros
Educación Secundaria Obrigatoria:

o Familias monoparentais:
• Renda per cápita familiar ata 6.000,00 euros: 180 euros
• Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros

o Resto das familias:
• Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 180 euros
• Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros

Fondo solidario
O novo Fondo Solidario de libros de texto  constituirase en cada centro, para o que contará cunha aplicación informática, Fondolibros, a través da que se tramitarán as solicitudes do alumnado, se rexistrarán os lotes de libros dispoñibles en cada centro e se realizarán as asignacións, en función da renda. Así mesmo, os centros poderán solicitar a colaboración das ANPAS.

O Fondo nutrirase, ademais de cos libros cuxa devolución sexa obrigatoria, coas doazóns que voluntariamente se realicen por parte do alumnado, familias.
Os libros recollidos polos centros ao rematar o curso 2014/15, logo do seu rexistro na aplicación informática para determinar os exemplares dispoñibles, incorporaranse ao fondo. Posteriormente, o centro asignará os libros de texto por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar –tomando como referencia a renda do exercizo fiscal 2013-. Non obstante, o alumnado que estea en tutela ou garda da Xunta de Galicia e o que teña discapacidade igual ou superior ao 65% terá preferencia para a adxudicación dos libros de texto.

A data límite para a devolución dos libros será o 19 de xuño de 2015 ou 4 de setembro para recuperacións. O prazo de presentación de solicitudes no centro educativo – unha por cada alumna ou alumno da familia- rematará o 30 de xuño de 2015.

Máis matemáticas e un test para rematar o BAC
Os alumnos galegos de educación secundaria obrigatoria terán tres horas máis de matemáticas e disporán dun amplo abano de optativas e materias de libre configuración para reforzar os contidos ou orientar os seus estudos antes do Bacharelato. Por outra banda, un test de 350 preguntas substituirá á selectividade ao finalizar o Bacharelato, que será necesario aprobar para obter o título. Como agora, esa proba suporá o 60% da avaliación final. Unha proba similar farase en 4º da ESO, que suporá o 30% da nota final. A selectividade, tal e como está concebida, desaparecerá no ano 2017.

Galicia rexistra a menor taxa de abandono escolar
Galicia rexistrou no cuarto trimestre do ano 2014 a taxa de abandono educativo temperán máis baixa da súa historia, un 16,4%. Segundo os datos facilitados polo IGE, a media do ano 2014 foi do 18,5%, moi lonxe do 25,8% de media que se rexistrou no 2009; e 1,7 puntos por debaixo da media de 2013. No que respecta á comparativa co 2013, a evolución demostra a paulatina mellora ao longo do ano no que se refire á diminución da taxa. Así, esta diminuíu en 1,2 no primeiro trimestre do 2014 respecto do mesmo período do 2013, mentres que a diminución no cuarto trimestre respecto do mesmo do ano foi de 2,5 puntos. Sen embargo, a nivel estatal, a nosa porcentaxe dobla á europea, xa que está situada no 22%.

Polémica na primeira proba de reválida de 3º
O 95% dos centros galegos e o 80% do alumnado de 3º de educación primaria participaron esta primavera na primeira xornada da proba de Reválida de 3º que se establece por primeira vez este ano. Estos foron os datos ofrecidos pola Xunta de Galicia, tras unha xornada na que non faltou a polémica xa que a Fapacel, Federación de Anpas de Lugo, asegurou que foron preto do 60% os nenos que non fixeron a proba. A Reválida foi unha proba que implanta a reforma educativa e que premite medir as competencias lingüísticas e matemáticas dos alumnos de terceiro de Primaria.

Problemas nos centros do Sagrado Corazón
ESCOLA INFANTIL
Abanca anunciou nos últimos días que a Escola Infantil do Sagrado Corazón pechará as súas portas de xeito inmediato porque, segundo indican, supón unha perda económica para a entidade bancaria. Este centro escolar leva funcionando en Lugo desde sempre, xa que foi unha das primeiras en abrir e o seu peche levantou moita polémica.
A suma ás protestas das institucións e unha intensa recollida de firmas por parte dos pais afectados non conseguiu cambiar a opinión de Abanca, que persiste no peche da mesma.
Trátase dunha moi mala noticia para os pais con pequenos menores de tres anos, debido á esceseza de prazas públicas nas Escolas Infantís da cidade.
Mentres, a Consellería de Benestar Social afirmou que non se fará cargo de recolocar aos pequenos porque se trata dun centro privado. A Fundación pola súa banda, asegura que indemnizará aos pais afectados.
NOVO COLEXIO
Por outra banda, os pais dos alumnos do CEIP Sagrado Corazón mostraron a súa preocupación polo proceso de construcción dun novo centro descolar para o barrio, xa que a concesión das instalacións do actual centro remata en tres anos e está convencidos que ao ritmo que avanza o proceso, o novo colexio non estará listo cando acabe a cesión, de feito, aínda non está proxectado o  novo.
Polo de pronto, o Concello xa se fixo nos últimos tempos con varias das fincas nas que se ubicará o novo centro, que deberá construír a Consellería de Educación e para que o Concello se comprometeu a suministrar os terreos necesarios.
As dúas últimas parcelas adquiridas contan cunha superficie total de1.834 metros cadrados, pero o Concello xa ten asinados seis convenios con distintos propietarios cos que logrou a cesión de 5.552 metros cadrados e continúa coas xestións para obter o resto da superficie esixida pola Consellería.

Deixe un comentario