Regalos non sexistas este Nadal

O Concello de Lugo vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización que convida a agasallar libros e xoguetes non sexistas neste Nadal, do mesmo xeito que xa se fixera o ano pasado. A finalidade é concienciar ás familias e promover a igualdade dende idades temperás.

A literatura infantil ten un potencial educativo que a converte en ferramenta de socialización de primeira orde, na que se van interiorizando os valores e actitudes de cada persoa. De aí que, tal e como subliñou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, “se queremos construír unha sociedade máis igualitaria, a lectura infantil e xuventil ten que ser un instrumento que axude a rachar coas ideas estereotipadas que existen na actualidade sobre as mulleres e homes e que amose unha visión do mundo baseada na igualdade, no respecto e na liberdade”.

No que se refire aos agasallos a iniciativa inclúe 10 claves para a compra responsable e non sexista de xoguetes: que poidan xogar nenas e nenos indistintamente, que evite a transformación de estereotipos sexistas e non fomente a violencia, que facilite poder xogar cos demais e as relacións entre iguais, que non favoreza a rivalidade, que potencie as relacións cooperativas, que poida xogar calquera nena e non só quen teña habilidades moi específicas, que esperte o desexo de xogar, que desenvolva a imaxinación e a creatividade, que estimule a súa curiosidade e que potencie a capacidade de pensar.

Catálogo proposto polo Concello de Lugo

 

Etiquetas:

Deixe un comentario